Carmen Cotelo
“A nova interdependencia electrónica volve crea-lo mundo a imaxe dunha aldea global” (…):
“En lugar de evolucionar cara unha enorme biblioteca de Alexandría , o mundo converteuse nun ordenador, un cerebro electrónico, exactamente como nun relato de ciencia-ficción para nenos. E a medida que os nosos sentidos saíron de nós, o GRANDE IRMÁN entrou no noso interior. E así, a menos que tomemos conciencia desta dinámica, entraremos enseguida nunha fase de terror pánico , que corresponde exactamente a un mundo de tambores tribais; nunha fase de total interdependencia e de co-existencia imposta dende arriba”.
Así falaba -ou mellor escribía- Marshall McLuhan no 1962 na súa celebérrima obra “A Galaxia Gutenberg. A creación do home tipográfico” pola que adquiriría celebridade internacional.
O feito de traer aquí este comentario -que non vén por lectura prescripta- obedece a dúas razóns entrecruzadas: Unha de tipo persoal e é a recuperación dun libro que lera a propósito da miña carreira universitaria e do que teño datada a súa adquisición no 1985, e a outra de tipo oportunista no sentido de que todo canto estamos lendo e tratando sobre a xestión do coñecemento tróuxome directamente á cabeza os conceptos que McLuhan deitara nese libro.
A “galaxia Gutenberg”, a “aldea global”, “o medio é a mensaxe”, a distinción entre “medios fríos” e “medios quentes” e a interpretación dos medios de comunicación como extensións da propia persoa quedaron xa incorporados á bagaxe cultural cando se trata sobre medios de difusión e a sociedade da información. E todo esto naceu cando aínda estaba moi lonxe a Internet, non había siquera televisión por cable, nin moito menos videoconferencias… A estrela, o medio innovador de comunicación daquela era a televisión. McLunhan soubo ver o potencial dese novo medio, aínda que non con ánimo de promove-la fin do libro en favor da tv como nun primeiro momento alguén quixo ver.
Ideas forza do pensamento de Marshall McLuhan son:
- Calquera tecnoloxía é unha extensión do noso ser e así os medios tecnolóxicos son entendidos como ferramentas que extenden as habilidades humanas.
- “O medio é a mensaxe”: Funcionan como unha parella e non se pode entender un sen a outra
- A historia de civilización recorre tres fases: O estadio tribal (comunicación verbal), estadio de destribalización (creación da escrita), e estadio de retribalización (supón unha volta atrás coa aparición dos medios tecnolóxicos na comunicación, que McLuhan interpreta como un redescubrimento das facultades como, por exemplo, a radio é unha extensión do oído…)
- A aldea tribal: É unha aldea analfabeta que transmitía experiencias pola memoria xa que non había escolas nin burocracia. Extende esta etapa ata a aparición da imprenta.
- A Galaxia Gutenberg ou a Aldea Global: Nun periodo duns catro séculos que vai dende a difusión da imprenta ata as primeiras décadas do XIX cando o telégrafo cambia a historia da comunicación. A historia divídea en catro fases: agrícola, mecánica, eléctrica, mass media e tecnolóxica.
- A Galaxia Marconi ou a Aldea Cósmica: Nela manda o medio televisivo. Resalta tres innovacións tecnolóxicas. En primeiro lugar, un orde eléctrico co telégrafo e o teléfono; en segundo lugar, un orde electrónico con dispositivos centrados esencialmente no uso de válvulas; e en terceiro lugar, tecnoloxías recentes que invaden todo dende a Administración pública, o lecer, a saúde, a educación…
- Medios fríos e medios quentes: No mundo da televisión a alta definición é precisión, detalle, calidade da imaxe visual. É alta definición ó igual que o abecedario, os números, as fotografías, os mapas. Brinda moita información a un receptor pasivo. Pola contra, os debuxos animados son de baixa definición porque o ollo ten que completar unha percepción inacabada. O mesmo pasa cos sons. Brindan pouca información a un receptor obrigadamente activo. Os medios de alta definición son, pois, medios quentes como a radio, a imprenta, as fotos ou as conferencias, e os medios de baixa definición son medios fríos como o teléfono, a fala e a televisión.
Para poñer fin a este recordatorio de McLuhan, dicir que máis alá de comparti-los seus postulados, o certo é que moitos anos despois da publicación de “A Galaxia Gutenberg” demostráronse certos os seus prognósticos polo menos en parte e -á vista da evolución das tecnoloxías- provisionalmente tamén.