Carmen Cotelo
Resume do capítulo 2 “Sociedades en redes, conocimientos y nuevas tecnologías”
Estamos nunha sociedade na que domina o inmaterial sobre o material, o cal confire máis vantaxes estratéxicas como a diminución do custo das comunicacións, aumentar moitísimo a velocidade das mesmas e aumentar tamén o volume da información en circulación. Esto é o que se define no capítulo 2 “Sociedades en redes, conocimientos y nuevas tecnologías” como sociedades en redes, termo acuñado por Manuel Castells nun seu artigo.
Consecuencias destas sociedades en redes son o incremento nas relacións horizontais que rachan fronteiras sociais e nacionais e substitúen a verticalidade xerárquica tradicional ata o de agora. Estas grandes redes forman nudos localizados nas grandes urbes mundiais e, dende elas, creban fronteiras a tódolos niveis tamén con investimentos facendo nacer unha economía do coñecemento (investigación, desenvolvemento…) que como contrapartida negativa afonda máis a “brecha cognitiva” -e económica, polo tanto- entre os países máis ricos e os que están en vías de desenvolvemento. É unha nova escala de comercialización do inmaterial.
Algúns expertos albiscan as vésperas dunha nova era do coñecemento. Despois da transmisión oral, a escrita e a imprenta chegou o desenvolvemento dixital e trouxo con el unha expansión sen precedentes das redes, actuando en dous eixos: Un horizontal (aceleración das transmisións) e outro vertical (densificación das conexións). Ó fío de todo esto, neste artigo faise unha afirmación contundente: “Para existir, sobrevivir y no quedar al margen, es necesario comunicar cada vez más y, sobre todo, cada vez más de prisa”. De tódolos xeitos, as máquinas nunca poderán substituir de todo á persoa na reflexión que transforma a información en coñecemento. O que pasa é que se transforman os papeis: Ó desaparece-la aprendizaxe da memoria e a súa automatización, a misión da escola é desenvolve-la facultade de filtra-la información de maneira pertinente.
Din que chegou o momento da “cognición distribuída” que fomenta un modelo de relacións sociais baseado na colaboración colectiva como vén proba-lo feito do éxito obtido polos programas informáticos de fonte aberta que a Unesco está a promover con especial interese. Xa existen moitas aplicacións da mesma tanto en ámbitos de traballo como nos de aprendizaxe colectivo asistido por ordenador.
Con todo, non hai que perder de vista a crúa realidade que nos asegura que a metade das informacións que circulan nas redes son falsas ou inexactas, e ademais propíciase a difusión de rumores. Deste xeito é necesario crear instrumentos de control que alguén pode interpretar como unha vixilancia orweliana. Non convén esquecer que o segredo é un dereito regulador da sociedade porque protexe a vida privada. E tamén existe o dereito a non saber que é recíproco a que os demais non saiban.
Xa que logo, sempre e cando se saiba distinguir entre unha información en bruto, un rumor, unha afirmación errónea e todo o que sexa coñecemento puro, verase que internet funciona como un xigantesco viveiro de ideas, proveñan estas de informacións ou de coñecementos xa que a aprendizaxe que durante moito tempo “viviu” nas escolas pasou a ser un espacio virtual de dimensións planetarias e accesibles a distancia.
Unha acotación que debe ser mencionada tamén é o nacente termo de “informacionalización” do coñecemento, segundo o cal partindo da distinción entre saber e información, prodúcese un acondicionamento do coñecemento en información. Así, a información é o que se transforma cun tratamento axeitado, mentre que o coñecementó é o que se produce.
Internet é activo. O receptor pasivo éo por propia vontade xa que a rede permite con toda autonomía a creación de comunidades virtuais tipo foros de discusión. A velocidade que lle é intrínseca xera unha grandísima cantidade de información que forma o que se denomina patrimonio dixital. Este patrimonio ten contidos moi variados que abranguen determinados datos científicos e productos mediáticos así como datos de todo tipo e expresións artísticas dixitais. Un destes comportamentos culturais inéditos son as páxinas personais que constitúen un fenómeno orixinal co que se satisfai unha función social cultural que non fora prevista polos creadores da rede. Os usuarios de internet, deste xeito, convírtense nos seus protagonistas absolutos.
Pero, en xeral, téndese á despersonalización e o esquecemento da propia identidade e crea dinámicas que permiten desmultiplicar identidades virtuais de cada individuo cun sinfín de pseudónimos.Tamén ofrece moitas posibilidades a rede para as adulteracións, falsificacións, imitacións e disimulacións. É o risco da desinformación.
Características do patrimonio dixital son a súa volatilidade e inestabilidade polo que é dificultosa a súa conservación. A rapidez de producción é tan extrema que os seus soportes convírtense rapidamente en obsoletos. O patrimonio dixital non ten límites temporais , xeográficos, culturais nin formais.
Pero canta máis memoria, menos recordos. A tecnoloxía da información xera o temor de que poidan desaparecer tradicións e coñecementos teóricos e prácticos da vida cotiá ata hai moi pouco tempo. Crea outras sociedades de aprendizaxe e unha sociedade da diversión xeralizada. Pero por moi importante que sexa o papel destinado a desenvolver unha cultura da innovación, as sociedades do coñecemento seguirán a ser sociedades de memoria e de transmisión do saber.